Vistas de página en total

lunes, 17 de junio de 2013

A dignidade medida en pasos.


      El camiñaba coa seguridade que só a superioridade pode dar. O seu paso era calmado, pero sempre evitando que non diminuíse a significativa distancia de dez pasos que o separaba da figura envolvida en teas que o seguía. Ela, cun neno nos brazos e o seu rostro escondido do mundo, avanzaba con sumisión.

- Sen dúbida, nós somos moito máis avanzados, non hai máis que velos.

     Eu e as miñas amigas miramos con certa pena aquela figura que se afastaba, tan estraña e allea a nós. Non cabía dúbida da sorte que tiñamos de ser a nova xeración de mulleres do que se prometía como unha nova etapa na historia.

    Calquera que nos tivese observado naquel momento, coa nosa roupa á última moda e ese descaro xuvenil que impregnaba a nosa despreocupada postura naquel banco, tería dito que eramos a viva imaxe das rapazas occidentais da actualidade, con resolución e reivindicación en cada xesto. Sen dúbida, non deixariamos que nos acontecese o que a aquelas tétricas figuras que parecían vivir nun mundo composto polas sombras dos homes. Todas tiñamos un esquema de futuro que incluía os estudos, as viaxes e, se ben tamén o matrimonio, este aparecía nun moi longo e indefinido prazo de tempo.

    Despois de despedirme de todas as miñas compañeiras, decidín volver á casa andando, xa que como dicía sempre todo o mundo, unha rapaza boa e decente non queda por aí ata moi tarde. As rúas, inundadas pola actividade decadente das últimas horas de luz, acompañaban os meus enérxicos pasos. Ao pasar ao lado duns edificios en construción, escoitei os ruídos dos obreiros que descansaban de todo o día de traballo cunha cervexa fresca na man. Apurei o paso, coñecedora do que aquela situación supoñía, pero nin desta forma puiden evitar os gastados e desagradables "piropos" que aqueles homes parecían cantar e repetir como unha mala canción de verán. Aquel típico absurdo repetíase a miúdo.... Pero que lle ía facer, eran homes, e como tales, aqueles detalles eran normais.

    A escuridade xa prometía con cubrilo todo cando por fin abrín o enreixado que protexía a entrada da miña casa. Nada máis entrar, encontreime coa coñecida figura da miña nai que se movía de aquí para alá na cociña, cunha cara de cansazo que reflectía a longa xornada que arrastraba nas súas costas. Sorriume case imperceptiblemente e pediume que fose poñendo a mesa, xa que ceariamos en canto se rematase o partido de fútbol que estaba a ver o meu pai, comodamente recostado no sofá. Fíxenlle caso mecanicamente, mentres a miña mente voaba cara á parella que observara aquela tarde. Pregunteime que pensaría se vise á miña nai cun pano na cabeza e seguindo amoucada ao meu pai por todas as partes. Sería unha auténtica e absurda loucura, vivindo como viviamos en pleno século XXI, a muller era considerada un igual do home. Polo menos, iso afanábanse en repetir os políticos e demais personaxes importantes unha e outra vez...

    Entón a imaxe da miña nai e o meu pai apareceu de novo na miña mente, mentres se mesturaba coa daquelas outras dúas persoas... non eran iguais, pero había algo... Sen decatarme comecei a sopesar eses detalles e pequenas sutilezas que todas as mulleres seguiamos aguantando, algunhas veces sen queixa. A lixeira humillación que empezaba a sentir foi en aumento mentres outros datos e feitos que mesmo eu mesma vivira viñan á miña mente. Non podía evitar que unha profunda vergoña crecese dentro de min, vergoña pola miña ignorancia e pola ignorancia da sociedade na que vivía...

Vergoña de saber que unha distancia de cen pasos separaba os meus pais.